ALEJANDRA PARDO

Santiago de Compostela, A Coruña, 1997

Filla, volve en taxi, por favor, págocho eu

2020
Grafito e carbón sobre papel
100 x 150 cm

Esta obra pertence ao meu proxecto “Avísame cando chegues á casa”, cuxa orixe se remonta ao ano 2018, cando estaba en Londres e perdín o último tren ao aeroporto. Era máis tarde das 12 da noite e a situación que me esperaba era pasar a noite soa e á intemperie nun polígono industrial, estaba aterrada. Todos os meus seres queridos pasaron moitísimo medo por min. Afortunadamente, en poucos minutos atopei unha hamburguesería coa cociña aberta, pedín axuda ás persoas que estaban alí traballando e abriron para min o restaurante. Por fin me sentín segura. As paredes do local eran de cristal e sentín a necesidade de debuxar o que vía por elas, de rexistrar ese momento, anotando na parte de atrás do papel os meus pensamentos e sensacións.
Tempo despois, decidín continuar a serie analizando os espazos urbanos desde unha perspectiva de xénero, volvendo ao punto inicial. Para iso, comecei por facer bosquexos do natural e fotografías da cidade en situacións nas que eu, coma muller, me podo sentir vulnerable. Estas situacións poden ser o simple feito de estar soa na rúa a certas horas, expoñéndome a ser obxecto de violencia, ou lugares onde sufrín acoso por parte de descoñecidos (que non sempre tiveron lugar de noite).
A partir dese material, algunhas imaxes seleccionadas transformáronse en obras de gran formato, comprendidas entre a pintura e o debuxo. O obxectivo destas imaxes é reflexionar sobre como o espazo urbano é una prolongación da desigualdade existente noutros ámbitos da sociedade, un espazo que en determinadas situacións fai as mulleres inseguras e vulnerables, o que limita a súa liberdade e calidade de vida.

Alejandra Pardo Martínez (Santiago de Compostela, A Coruña, 1997)

Graduada en belas artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra en 2019, durante os meus estudos realicei unha estancia na Kingston School of Art (Londres, Reino Unido).

En 2019 participei no Curso de Pintores Pensionados del Palacio de Quintanar (Segovia). En 2020, no X Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura. En 2021 atendín á Escuela de Paisaje “José Carralero”, en Carracedelo (León).

En 2019 fun seleccionada para a mostra colectiva do concurso Plastika 19 e para Do final e do comezo. A miña obra tamén foi incluída en exposicións colectivas como a Exposición de pensionados en Segovia, na Casa de la Alhóndiga, e o Manifiesto artístico por la preservación del paisaje. Real Monasterio de Santa María de El Paular, en Rascafría (Madrid) en 2019; e en 2020 Cuando el paisaje duele, no Salón Barroco del Ayuntamiento del Real Sitio de San Ildefonso (Segovia).

Estou asociada á Colectiva e a miña obra está incluída na plataforma galega de arte contemporánea Os Catro Gatos en Rede.
Ademais do meu traballo como artista, son docente e xestora cultural en Pareidolia Espazo de Arte, un espazo cultural autoxestionado en Teo (A Coruña) onde teñen lugar exposicións e outras actividades artísticas así como clases de arte e desenvolvemento da creatividade dirixidas a alumnado de todas as idades.