ALEJANDRO REGO DÍAZ

A Coruña, 1993

Representación nº 1: Retablo

2021
Instalación fotográfica
Medidas variables

Toda representación é unha nova presentación, unha repetición dalgo que xa foi visto, un regreso ata o presente dun mundo que existiu e que agora non existe.

Durante séculos, a pintura foi o principal medio de representación da realidade. Porén, a finais do século XIX e comezos do XX a súa importancia foi desprazada pola fotografía. A partir dese momento, a fotografía converteuse no medio de representación en dúas dimensións máis fidedigno e, polo tanto, no máis utilizado.

Esta obra pretende explorar a transición e a relación entre ambas as disciplinas: pintura vs. fotografía.

A partir dunha instalación formada por 34 fotografías en cor, preséntase unha composición na que se combinan dous tipos de representacións: a representación de obxectos ou seres reais xunto coa re-presentación de detalles pictóricos extraídos do seu contexto orixinal, é dicir: recontextualizados. A disposición das imaxes trata voluntariamente de diluír esa fronteira que existe entre ambos tipos de representación, fronteira que separa o mundo real do mundo imaxinario creado pola pintura no pasado.

Representación nº 1 quere recrear unha forma e unha temática clásicas da pintura occidental, en especial da relixiosa: o retablo pictórico. Mais a intención da obra non é, en absoluto, a de facer unha exaltación ou apoloxía da arte sacra, senón a de tomar como motivo un tema amplamente representado na pintura para, así, reinterpretalo en clave contemporánea. Trátase, en definitiva, de facer dialogar o tempo presente co pasado, de explorar a forma de relacionarse da cámara co lenzo, de escoitar o que a fotografía aínda nos pode dicir acerca da pintura e do pictórico.

Alejandro Rego Díaz (A Coruña, 1993)

É licenciado en filosofía pola Universidade de París-Sorbona e ten un mestrado en fotografía e proxectos artísticos na Escola PIC.A de Alcobendas, Madrid. O seu traballo sitúase principalmente no campo das artes visuais, principalmente da fotografía. Entre as diferentes exposicións individuais e colectivas nas que participou, cabería destacar as seguintes: Galería (individual, Sala El Águila, festival PHotoEspaña, Madrid, 2021), Novos Valores 2020 (colectiva, Museo de Pontevedra, 2020), El espacio intermedio (colectiva, Centro de Arte de Alcobendas, 2019), Circulation(s). European Young Photography Festival (colectiva, París, 2019), Cuatro esquinas (colectiva, Galería Spazo, A Coruña, 2019), A Chaira (individual, A.C. Alexandre Bóveda, A Coruña; Festival de Pardiñas, Lugo, 2018), Haikus (individual, Fórum Metropolitano, A Coruña, 2018). En 2018 recibiu o premio Xuventude Crea pola súa serie Still Life e 2020 o premio Novos Valores pola obra Representación nº 3. Así mesmo, é autor da publicación La fatiga, fotozine editado en 2021 pola editorial coruñesa Amor de Madre. Actualmente vive e traballa entre París e A Coruña.