CHRISTIAN GARCÍA BELLO

A Coruña, 1986

3º PREMIO
Lonxe, lonxe (coa sardiña no cinto)

2021
Madeira de piñeiro patinada con aceite e grafito, molde de espermaceti de balea, coiro e cordón
180 x 20 x 10 cm

O meu corpo de traballo intenta destilar o sofisticado do austero, sintetizando unha linguaxe que revisa as formas vernáculas, vectorizando a condición ficticia da poética dos materiais.

Un exvoto é unha ofrenda á divinidade en compensación ou solicitude dunha graza que se deposita nun lugar de culto. No catolicismo popular de Galicia destacan os exvotos antropomorfos e zoomorfos de cera de abella ou de miga de pan do santuario de Santo André de Teixido.

A lenda conta que o apóstolo envorcou alí a súa barca de madeira, que se converteu en rocha. Segundo a cantiga, este levaba unha sardiña atada ao cinto: «O divino Santo André / ten a sardiña no cinto / que lla deu un mariñeiro / que andaba no mar perdido». Para este traballo, a sardiña preséntase nun molde de espermaceti de cachalote, valioso material vernáculo do pasado baleeiro de Galicia.

Christian García Bello (A Coruña, 1986)

Licenciado en belas artes e máster en arte contemporánea pola Universidade de Vigo. O seu corpo de traballo trata de destilar o sofisticado do austero, analizando como percibimos, habitamos e transformamos o territorio e sintetizamos unha linguaxe escultórica que revisa as formas vernáculas e que vectoriza a condición ficticia da poética dos materiais.

Realizou exposicións individuais en galerías como Formatocomodo, institucións como a Fundación DIDAC ou centros de arte como CGAC e participou en proxectos expositivos en salas nacionais e internacionais como CaixaForum, Museo Patio Herreriano, Es Baluard, CondeDuque, Museo Lázaro Galdiano, MARCO, Centro Torrente Ballester ou Maus Habitos da man de comisarios como Javier Hontoria, Ángel Calvo Ulloa, David Barro, Alfredo Aracil, Alberto Ruiz de Samaniego, Alicia Ventura, Joaquín Jesús Sánchez e Alberto Carton.

Participa continuamente en feiras internacionais como ARCOmadrid ou ARTBO e o seu traballo foi publicado e comentado en Artforum, FlashArt El Cultural, Babelia, ABC Cultural ou DARDOmagazine por parte de Elena Vozmediano, Mónica Maneiro ou Bea Espejo.

A súa obra pódese atopar en coleccións como a colección DKV, a colección CGAC, a colección DIDAC, a colección crear/sin/prisa, a colección OTR, a colección Navacerrada ou a colección Centenera, entre outras. Deu conferencias en ciclos organizados pola Universidade do País Vasco, a Universidade da Coruña ou o EASD Mestre Mateo e foi seleccionado e premiado en certames como o Premio Cervezas Alhambra de ARCO, o Premio Mardel ou o Auditorio de Galicia. Tamén obtivo bolsas de institucións como o MAC Fundación Naturgy, INJUVE ou o Ministerio de Cultura e Deportes para desenvolver proxectos e residencias en Bélxica, Países Baixos, Reino Unido ou Rusia.