CHRISTIANCONCH

Ourense, 1996

Si las paredes hablaran / Se as paredes falaran

2021
Rotulador sobre tea
148 x 213 cm

A base desta obra é a transcrición dunha conversa fugaz a través da ilustración sobre unha tea colgada na parede da mesma sala e no mesmo momento no que esta sucede. Unha desas conversas que só teñen lugar en momentos moi concretos, nos que decidimos liberarnos de pensamentos que nos atormentan ou simplemente non podemos sacar da nosa cabeza. Aproveitamos momentos alterados da conciencia ou un ambiente moi concreto no que sentimos que podemos expresar isto.

Estas confesións traen consigo a liberación e o rebote de moitas sensacións: arrepentimento, ansiedade, medo…, pero tamén unha sensación de falsa confianza, unha liberdade efémera que dá espazo á reflexión, a unha vía de escape rápida.

A conversa, procedente da súa propia natureza e deriva, non ocupa só espazos de reflexión e confesión, tamén está dotada de momentos de divagación. Comentarios ou anécdotas sen moito máis sentido que suavizar a conversa, datos sen sentido ou incluso chistes para estabilizar o momento, pero dos que nin sequera nos lembramos días ou semanas despois disto.

Christian Randolfe Amorín (Ourense, 1996)

Christian comeza a interesarse pola arte dende ben pequeno. Máis concretamente pola pintura e polo debuxo, deixando paso co tempo e cos seus estudos en belas artes (Facultade de Pontevedra) ao mundo da ilustración e do deseño gráfico, especializándose así neste campo dende os últimos anos de carreira que compaxina con exposicións, encontros, feiras e similares. Máis tarde, e seguindo esta traxectoria, cursa na mesma Universidade un máster sobre libro ilustrado e animación audiovisual que o impulsa a escribir e ilustrar o seu primeiro libro. Tras varios anos como creativo freelance (facendo ás veces de empregado ou alumno en prácticas, colaborador e comisionado) decide cursar estudos en mercadotecnia dixital para completar a súa formación e montar a súa propia web. Actualmente en busca de traballo e desenvolvendo proxectos propios.