DAVID CATÁ

Viveiro, Lugo, 1988

Reminiscencias

2021
Fotografía
60 x 90 cm c/u s/m

Reminiscencias
A vida está composta por recordos, reminiscencias do pasado ligadas ás emocións. As flores comezan a ser usadas polos humanos como símbolos arredor de 7000 anos antes de Cristo, atribuíndolles poderes divinos e cultos funerarios, e incluso na historia da arte están moi presentes, non só se usan nos xardíns senón que tamén se perpetúan a través das creacións do ser humano.

Por outra banda, ao longo das nosas vidas, as flores úsanse como agasallos, mostras de agarimo e afecto cara a algo ou alguén e, dependendo do tipo de flor e cor, teñen connotacións e significados moi diferentes.

Moitos dos momentos que vivimos están intimamente ligados ás flores, traendo á nosa memoria a súa reminiscencia.

Este proxecto fotográfico fala da memoria e do paso do tempo, utilizando diferentes tipos de flores como representación dos momentos que vivimos e da semente de dente de león como metáfora da memoria viva, latente na nosa memoria.

Construíndo deste xeito escenarios etéreos e volátiles, como a propia memoria, a través dun tratamento “coidadoso” dos elementos, colocados no espazo para posteriormente ser fotografados.

David Catá (Viveiro, Lugo, 1988)

David Catá é un artista contemporáneo que traballa entre Galicia e Madrid. Compaxinou os seus estudos de acordeón no Conservatorio Profesional de Música cunha licenciatura en belas artes (2010) pola Universidade de Vigo. Posteriormente, continuou a súa formación artística en Madrid, no máster “Concepto e creación” no Centro Internacional de Fotografía e Cine, EFTI (2011), onde obtivo o premio de fin de estudos ao mellor expediente académico.

A súa obra pode considerarse multidisciplinar, dende o uso da fotografía, a videocreación, a pintura e a música. A súa paixón por esta última disciplina artística levouno a estudar piano de xeito autodidacta, compoñendo pezas musicais inspiradas nos seus proxectos plásticos para darlles así a súa propia banda sonora.

O seu proceso creativo establece un diálogo entre a memoria persoal e o acto creativo. O poder evocador de artigos persoais e fotos do álbum familiar sérvenlle de inspiración. A efeméride da vida, a pegada física e inmaterial, a dor emocional… están intimamente ligadas á súa carreira artística.

A súa obra foi exposta en diferentes países e ten recoñecemento internacional como artista seleccionado en concursos e exposicións en Camboxa, México, Perú, Chile, Brasil, Alemaña, Estados Unidos, Portugal, España… Foi galardoado con numerosos premios entre os que figuran o primeiro premio de artes plásticas da Deputación de Ourense (dúas veces 2019 e 2010), o primeiro premio de arte mural do festival Amarte Burela (2019), entre outros.