LARA PINTOS

A Coruña, 1984

Vitrina iridiscente

2021
Mixta sobre lenzo
260 x 240 cm (políptico)

“Que ten que dicir unha saba ou moitas sabas dos suxeitos fráxiles e ansiosos que habitan e conforman a nova cultura (…)? A simple vista, dunha saba é algo livián, unha meseta, unha illa, unha tea que pode ser testemuña nos cuartos conectados onde vivimos, como tamén protagonizar as historias furtivas de quen acada amarse entre a pel e a saliva, as historias cotiás de quen cae rendido en camas sen facer, tamén as de quen, enfermo, se acurruncha doente baixo a tea, respectando o pacto de que a saba debe pecharlles o paso na súa vontade de erguerse e seguiren activos. (…) Hai sabas ás que volve diaria e repetidamente quen limpa e coida, lava e pasa o ferro, dobra e estira sabas onde durmiron outros.(…)”

REMEDIOS ZAFRA, Frágiles. Cartas sobre la ansiedad y la esperanza en la nueva cultura.

Este políptico con formato de descendemento representa unha vitrina como modo de ollar pertencente ao pasado. Un tempo lento moi diferente ao mundo actual de pantallas e vidas-traballo. A vitrina pon en valor o seu contido, como representación do xeito de entender o mundo actual, neste caso atesourando sabas, coxíns de diferentes texturas e estampados, ademais de mantas. Estas roupas caseiras representan as posibilidades de remuneración para os traballadores e traballadoras creativos, pois son moitas veces como sabas que cobren esas necesidades básicas da vida diaria pero que, acumuladas, rematan por afogar o artista nun ámbito de precariedade. As escaleiras falseadas pretenden un xogo visual que faga referencia á pirámide, á dificultade, á romantización dun entusiasmo custoso da vida creativa e conectada.

Lara María Díaz Pintos (A Coruña, 1984)

Licenciada en 2010 en belas artes pola Universidade de Vigo, goza dunha bolsa Séneca na Universidade Complutense de Madrid en 2008-2009.

En 2010-2011 acada a bolsa de creación artística da Fundación Antonio Gala (Córdoba) co proxecto “Recuerdos de una silla”, onde relaciona memoria, hábitat e muller na arte.

É seleccionada na Bienal de Pintura Ma José Jove, na Bienal Vilanova de Cerveira, Fundación Ibercaja e outras. En 2013 é galardoada pola Deputación da Coruña co premio adquisición do Certame Isaac Díaz Pardo, en 2014 co primeiro premio de Artes Plásticas “Xuventude Crea” e máis tarde será premiada en outros.

En 2016 expón “Memoria por habitar” na galería coruñesa Monty4, onde relaciona a poética do espazo habitado ca identidade persoal e a memoria individual. É seleccionada no Encontro de Artistas Novos.
En 2017 expón “The Dinner Party” na galería compostelá Federica No Era Tonta, un proxecto feminista relativo á identidade das mulleres artistas.

Expón individualmente na Galería La Catedral (Lugo), “Espacios Continuos” en 2018 revisando os espazos cambiantes e de tránsito como estudios de artistas, comercios pechados e “Tiempo Lento” en 2020, onde repara na intimidade de décadas pasadas en fogares do ámbito urbano galego.

En 2020 tamén expón en La Pared Roja de La Fábrica (Madrid) “Enthousiasmós”, sobre a estética do entusiasmo vinculada a actividade artística.