MACARENA MONTESINOS FANDIÑO

Vigo, Pontevedra, 1982

Xesto sonoro, nota sostida

Serie fotográfica impresión dixital cor
50 x 70 cm c/u

Xesto sonoro, nota sostida pertencente á serie Xesto sonoro, unha serie fotográfica mais ampla, composte por outras series de fotografías intervidas graficamente. Esta proposta artística xorde do traballo de investigación e creación levado a cabo no programa de doutoramento en arte contemporánea da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, sobre o xesto musical, o son e as súas correspondencias gráficas.

Xesto sonoro está baseada nos movementos xestuais dos directores das orquestras de improvisación, xurdidas a finais do século XX e moi estendidas a día de hoxe. Estas prácticas propoñen a improvisación a través dos xestos e pautas asignadas previamente polo director. Desta forma a música créase sen partituras, en tempo real.

Nesta serie, Xesto sonoro, nota sostida, a propia autora, Macarena Montesinos, fotográfase representando o xesto do director para a interpretación dunha nota longa e sostida. Represéntase ese son a través do debuxo da liña, onde a través do visual se evoca o plano sonoro.

Macarena Montesinos Fandiño (Vigo, Pontevedra, 1982)
É violonchelista, artista visual e investigadora.

Graduada en belas artes e actualmente investigadora da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, onde estuda a relación e as correspondencias que existen entre as partituras gráficas e a improvisación sonora.

Artista de longa traxectoria, integrante de diferentes colectivos, formacións e orquestras de música contemporánea e experimental cos que traballou en diferentes propostas no CGAC, MUSAC, MUNCYP, Tabakalera de San Sebastian, Círculo de Belas Artes de Madrid, entre outros.

Participou en exposicións colectivas no Pazo da Cultura e no Museo de de Pontevedra, na Segunda Bienal Internacional de Gaia, Museo de Monção. Portugal, na Fundación RAC e na Biblioteca Rosalía de Castro do Campus de Ourense. Acadou o Segundo Premio do XIV Certame de fotografía da Universidade de Vigo en 2016 e tamén foi premiada no Certame Coreográfico da Universidad Carlos III de Madrid coa compañía de danza contemporánea Licenciada Sotelo.

Recibiu a axuda de predoutoramento da Universidade de Vigo (2019 -21) e a bolsa de colaboración co Departamento de Escultura da Facultade de Belas Artes en 2017. Foi destinataria de diferentes bolsas e residencias de investigación e creación no centro Tanzhaus en Zürich, en Azala, Espazio de Creación en Álava e na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Nas artes vivas desenvolveu varias accións en solitario como Una y 2 sillas e a conferencia performativa Memorias dunha amnésica, creada en 2020 e presentada dentro do ciclo Discursos en Acción no Númax de Santiago de Compostela e na Fundación Manolo Paz.