A investigación procesual e teórica que estou a realizar sitúa a materialidade das cousas no centro de interese. Os diálogos, e os métodos construtivos dependen da natureza obxectual, que se articula segundo pesos, resistencias e fraxilidades.
O corpo é un obxecto máis que se estira, se moldea, péndese dun fío ou se sitúa en condicións precarias. Representado coa cerámica, achega un compoñente de dramatismo e de temor á rotura. Volumes, cores, densidades e disposicións.
«Aprender, desaprender, o xeito ideal de facer as cousas» é unha obra que reflexiona sobre o proceso cerámico en concreto. O meu interese adoita xirar arredor de ideas sobre o xestual humano, as relacións entre os corpos e os obxectos e o modo en que estes se establecen. Os diálogos entre a arxila e as mans ou entre o propio e o alleo convértense na mesma cousa ao utilizar as imaxes dun libro de técnicas cerámicas ampliado. A retícula propia da impresión, xunto coa sublimación desta fotografía en algodón, modifican a materialidade de dous volumes que agora son unha imaxe téxtil.
As instrucións quedan sustentadas mediante catro vasos que funcionan como piares da propia técnica. Ao entrar no universo das vasillas, vexo que as súas partes xa teñen os mesmos nomes que as partes do corpo: colo, barriga, boca… a ligazón é forte e de lectura sinxela. Así, a imaxe explicativa, o volume cerámico construído a partir do encastelamento de churros ou o feito mediante a impresión en tres dimensións a partir de PLA, que traballa dun xeito moi similar pero baixo un proceso máis longo, funcionan conxuntamente neste diálogo sobre o proceso e o metaproceso cerámico. A reflexión pretende centrarse sobre como se deben ou non facer as cousas e todo este tipo de normas establecidas e sobre como o corpo se transmuta noutro tipo de existires.