MARÍA GAR

Tapia de Casariego, Asturias, 1993

Habitar-ser

2021
Serigrafía, papel xaponés, tecido e fío
Instalación. Gráfica contemporánea
550 x 85 cm

Habitar-ser forma parte do proxecto “De las entrañas, el refugio” que dialoga coa tradición do tecido e do tear como proceso de creación a partir da figura da cova como espazo interior, espazo para refuxiarse e reconstruírse. Aludindo ao que implica un acto de introspección, un lugar aberto á posibilidade.

A peza está configurada simulando un tapiz de impresión gráfica sobre papel xaponés, tecido e fío. Os materiais escollidos intentan establecer un diálogo entre a cova, presente na imaxe da peza, e o valor etnográfico da actividade téxtil, presente nos elementos construtivos e no xeito de facerse a si mesma.

Habitar-ser é unha viaxe que segue analizando a montaña desde un punto de vista feminino. A imaxe, por un lado, remítenos á pedra como unha parte forte e dura, mentres que, por outro, nos devolve ao interior dunha cova nese intento de sentírmonos máis íntimos, silenciosos e introspectivos. Contrasta coa trama do tecido, o liño e o fío como parte condutora que permite que todo se entrelace, aludindo á forma máis sutil, delicada e cálida de construción.

A fusión de ambas as partes resulta nun tecido, onde se experimenta a acción da tecedura como facer repetitivo e meditativo que axuda a despexar o pensamento e permite enfocar grazas a ese poder de unir e cohesionar.

María García Fernández (Tapia de Casariego, Asturias, 1993)
Artista gráfica e investigadora.

Licenciada en belas artes con matrícula de honra en deseño. A posteriori, cursaría un máster en arte contemporánea, investigación e creación pola Universidade de Vigo. En 2015 obtivo a bolsa de mobilidade internacional para continuar os seus estudos no CEART. Colaboradora na Área de Tecnoloxías da Información e da Comunicación na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra, Universidade de Vigo. Recentemente realizou un máster en dirección de arte publicitaria.

Como artista plástica participou en varias exposicións nacionais e internacionais, das que destacamos: Resquicios 2015, exposición colectiva, Museu Hassis, (Santa Catarina Florianópolis, Brasil). Novos Valores 2017, “Erosion deplogada”, exposición colectiva (Edificio Sarmiento, Museo de Pontevedra), publicación de catálogo.
Eso sigue su curso 2018 (Sexto Edificio do Museo de Pontevedra) publicación do catálogo. Undécimo premio Auditorio de Galicia, 2019 «De la erosión la mímesis» (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela) publicación de catálogo. Novos Valores 2019 «Fragmento de una erosión» (Edificio Sarmiento, Museo de Pontevedra). XV Certamen de Artes Plásticas 2019, Centro Cultural Marcos Valcárcel «Erosión desplegada» Accésit (Deputación de Ourense) publicación de catálogo. Proxecto Apegadas 2021, “Tramas” (Museo Liste Etnográfico de Vigo).

Colección en museos
A obra Dunas pertence ao acervo do MESC, Santa Catarina Florianópolis, desde 2015. Accésit en 2019 pola obra Erosión deplegada, presente na colección do Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense dende 2019.