MIGUEL AURIA

Ourense, 1985

συναισθησία

2020
Impresión inkjet
75 x 100 cm

– Cando dura o eterno?
– Ás veces só un segundo.
Lewis Carroll, «Alicia a través do espello

E ben, porque así semos,
Relox que repetimos
Eternamente o mesmo.
Rosalía de Castro

O límite é o verdadeiro protagonista do espazo.
O presente, outro límite, é o verdadeiro protagonista do tempo.
María do Cebreiro

Da fotografía sedúceme a relación entre dous tempos: o pasado e o instante. Un que se eterniza e outro que se deixa escapar. Desfruto ao retratar espazos e tempos limítrofes a descorrer dende a xanela dun vehículo a transitar nun lapso de tempo inferior a un segundo no que a luz atravesa o obturador para debuxar nun sensor un código binario.

Interésame o misterio dun acto que permite seccionar un instante no continuo do tempo e así xogar cos límites do real. Unha fantasía de control sobre unha forza superior a nós.

A miña vida xira en torno a dous eixos antagónicos en canto á expresión artística. Por un lado a música como arte escénica fundamentalmente efémera que vive no instante; unha vez emitido o son, desaparece. Por outro a fotografía como arte plástica que me permite fixar nun formato físico intres do continuo do tempo. É por iso que συναισθησία nace dunha visión sinestésica do lieder de Mahler con texto de Rückert “Ich bin der Welt abhanden gekommen” composto en 1906 sobre un poema co que o compositor identificaba cun sentimento a piques de ser verbalizado acadando límites stendhaliano.

Iso é o que busco a través da imaxe: unha sensación de repouso, de tranquilidade, de parálise dun tempo irreal que mantén en simultáneo unha tensión desbordante, barroca, intensa e vertixinosa na que se asoma unha imaxe onírica, quizais paradisíaca, ou quizais un abismo ao que mirar para sentir como devolve unha ollada ao noso interior.

Miguel Auria (Ourense, 1985)

Técnico superior en fotografía artística na Escola de Artes e Oficios Antonio Faílde de Ourense e titulado superior en violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo, a súa obra xira no torno a dous exemplos antagónicos no tocante á expresión artística: por un lado, a música, como arte escénica fundamentalmente efémera, que vive no instante. Por outro, a fotografía como arte plástica que permite fixar nun formato físico un instante do continuo . Realiza cursos de técnica fotográfica e concepto artístico con autores como Joan Fontcuberta, Carmen Dalmau, David Jiménez, Oscar Molina, Omar Joseff ou Manuel Outumuro entre outros. Realiza diversas exposicións individuais e colectivas en Galicia nos anos 2011, 2012 e 2013 dentro do Outono Fotográfico; é finalista do Certamen Xuventude Crea 2013 e 2015, do programa Arte Joven da Fundación María José Jove, da XIII Mostra Internacional de Arte Gas Natural Fenosa, do 23PMR de Gráfica Máximo Ramos en 2014, do XIII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense en 2015, do Novos Valores da Deputación de Pontevedra e do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea en 2018.

Na actualidade cursa estudos de historia da arte e é editor da publicación especializada de fotografía “Caleidoscópica”. Asemade realiza estudos profesionais de canto lírico no CMUS de Ourense e colabora co coro da Orquestra Sinfónica de Galicia. En 2021 é funcionario en prácticas do corpo de profesores de artes plásticas e deseño da comunidade autónoma de Galicia na especialidade de fotografía.