PÍA PIADOSA

Lugo, 1991

Nosa Sra. Da Perpetua Nostalxia

2021
Tea cosida á man
115 x 80 cm

A nostalxia é un sentimento común ao ser humano. Non sorprende escoitar un octoxenario lembrando anécdotas da súa xuventude; non obstante, si sorprende atopar millennials tendo xa saudades da súa adolescencia. Na miña xeración, crecida en crise permanente, as certezas son inexistentes e as esperanzas escasas. Cando a posibilidade de mirar cara ao futuro é imposible, o que che queda é mirar cara a atrás vivindo nunha adolescencia permanente: sen expectativas, pensando a curto prazo e sen sustento propio.

A miña obra consiste nun estandarte cosido á man que compón unha virxe contemporánea para que os millennials poidamos rezar. A virxe, en lugar dun neno, sostén un tamagotchi nas súas mans; isto non só serve como elemento representativo dunha época pasada, se non que tamén representa de forma irónica a única opción de ter descendencia que tería unha muller coma min, sen vivenda propia nin traballo. O estandarte está feito a partir de fragmentos de tea de roupa de cando era adolescente e chándals de cando competía a voleibol e baloncesto. Na parte inferior pódense ver as medallas que gañei, os meus mellores éxitos.

Natalia Pía Conde Díez (Lugo, 1991)

Tras estudar belas artes en Barcelona (e non rematar), trasládase a Panamá en 2013, onde se formará en creatividade para publicidade na escola Brother Panamá e en dirección de arte para cine en Mente Pública. Alí compaxinará o seu traballo como ilustradora coa publicidade e o cine, traballando en curtametraxes como La Cajita (2016) e películas como Kenke (Best Picture System, 2015) e Diablo Rojo PTY (Panama Horror Film Company, 2019). No ano 2018 regresa a Galicia e cursa o ciclo superior de cerámica artística na Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo. Actualmente é codirectora do VAIA VAIA Encontro de fanzines e autoedición de Lugo, que celebra a súa segunda edición este ano.