RAQUEL DURÁN & RUT BRIONES

A Coruña, 1982 / Pontevedra, 1982

Horror vacui

2021
Instalación audiovisual interactiva
160 x 160 x 220 cm

En palabras do filósofo coreano Byung-Chul Han, na nosa sociedade traballo e ocio están perdendo a súa impermeabilidade: os espazos e tarefas laborais sométense a unha ludificación na procura da mellor adaptación do xogo e do ocio ás dinámicas de produción para obter o maior rendemento. “As ganas que temos todos de xogar póñense a servizo do traballo, que as explota e saca partido delas. Supoñendo que aínda quede un entretemento á marxe do traballo, quedou degradado a unha mera desconexión mental, un tempo baleiro ou horror vacui.” (Buen entretenimiento, Herder). Tomando o seu título da cita de Han, Horror vacui centra a súa mirada nesta relación entre xogo e traballo, invertendo esta ludificación e explorando a figura do homo ludens.
A instalación está formada por unha estrutura metálica con pantallas de proxección de diversos formatos entrelazadas entre as estruturas; un tótem de proxección no que a imaxe recibe un trato case de mitificación. Os fragmentos de vídeo consisten en accións individuais nas que o intérprete realiza metodicamente certos movementos relacionados con xogos populares. A mecanización e a extirpación de contexto lúdico, de toda a emocionalidade conectada con estes xogos, así como unha contorna anódina, confiren a estas accións un significado instrinsecamente asociado coa produtividade dun espazo de traballo despersonalizado. É mediante esta repetición ritualizada que o noso homo ludens asume o seu lugar na orde social establecida. Así mesmo, a proxección varía en función do público presente, mostrando unhas ou outras accións con base na audiencia que as observa.

Raquel Durán Illanes, A Coruña, 1982
Rut Briones Ruibal, Pontevedra, 1982

Raquel Durán e Rut Briones traballan como colectivo artístico dende 2014. Xuntas recibiron bolsas e axudas de Goberno Vasco, da Fundación Bilbao Arte, ou da Deputación Foral de Bizkaia entre outras; así como residencias de creación do Festival BAD, a Kunstahus de Bregenz (Austria), ou o Centro Cultural Montehermoso (Vitoria-Gasteiz). As súas obras participan no Festival Proyector de Madrid, o festival Gau Zuria de Bilbao, a galería Lisi Hämmerle, ou en edicións anteriores do Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas. Paralelamente á súa práctica artística traballan como Gheada, un estudio especializado en artes visuais, deseño de proxeccións e entretemento inmersivo. Dende o estudio producen proxectos para a Fundación Bilbao 700, Teatro Arriaga, Blanc Produccions, Sala BBK, ou o concello de Bilbao, entre outros.

A súa obra artística é mulltidisciplinar e está conectada tematicamente. Comenzando no audiovisual puro, progresivamente mergullouse na instalación inmersiva e interactiva. As súas obras exploran o absurdo e a complexidade da sociedade actual, e a posición do individuo dentro dela. Esta liña de traballo comezou con Foodlândia (2015), instalación que analizaba a nosa relación coa comida. Seguiulle Antoloxía do desacougo (2016), un compendio de preocupacións expresadas como cadros en movemento. Die Güten Burger (2017) tomaba o formato de videodanza para reflexionar acerca do establecemento da identidade baixo a influencia social. El mejor de los mundos (2018) asistía á creación dunha narrativa propia feita para ser consumida on line. E por último, Felices (2019), exploraba o concepto de felicidade como autorrealización.