SARA PIÑEIRO

Pontevedra, 1996

Arkanoid

2021
Escanografía impresa sobre papel Hahnemühle
89 x 65 cm/ud (díptico)

Dende o ano 2021, o carné xove é gratuíto e ten vixencia indefinida (…) Neste sentido, a Xunta de Galicia está enviando o carné xove ao domicilio de todas as persoas potencialmente usuarias, máis de 400.000 mozos e mozas. Polo tanto, xa non é necesario nin solicitalo nin pagalo para telo. [Extraído da web xuventude.net da Xunta de Galicia]

No reverso do carné xove pode lerse a frase: «Fai máis, sé máis», un slogan-copypublicitario-frasemotivacional-hashtagdeslavado apreciablemente
vencellado ás ideas hiperprodutivas que atestan as actuais tendencias de pensamento.

A asociación entre a idea de sobreprodución (implícita en «fai máis») e a valía intrínseca do individuo (contida en «sé máis») non é ningunha novidade, se ben é certo que no ámbito artístico resulta extremadamente penetrante, sendo cada vez máis complexa a desvinculación da persoa á acción e da acción ao mérito. No seu libro Frágiles Remedios Zafra reflexiona sobre a autoexplotación que caracteriza o traballo creativo contemporáneo e o significado das vidas-traballo da cultura actual. Así, ela afirma que «el más es un mantra que se adhiere a las yemas de los dedos y nunca se encuentra satisfecho» poñendo sobre a mesa o feito de que «en los últimos tiempos rara vez se presume de hacer poco o despacio o de llegar adentro». E neste contexto de intolerancia cara á espera e o espazo de pausa fértil, as vidas introspectivas, o silencio e os proxectos longos quedan relegados ao invisible e ao miúdo «a no ser que seas rico y, sin necesidad de trabajar, dispongas de ese gran valor que es el tiempo».

A peza que presento toma o seu nome daquel videoxogo de arcade que viu a luz por primeira vez no ano 1986. A súa dinámica consistía en destruír os bloques da parte superior ao tocalos cunha bola cuxa traxectoria era controlada a través dunha plataforma móbil que a facía rebotar, para así alcanzar o seguintes niveis (de patrón semellante pero de maior dificultade), nun bucle repetitivo que mantiña enganchado ao xogador. Próximas á dinámica deste xogo transitan as imaxes que conforman a peza e que son o resultado dun proceso experimental co escáner e coas técnicas dixitais vencelladas á inmediatez, dirixidas cara ao absurdo, cara á desconexión e á perda de toda ordenación e sentido, que aflúe, neste caso, en dúas vertentes diferenciadas. Por un lado, o carné xove –como unidade dispositiva e de construción– serve para reproducir a aparencia visual do arcade que pon en relación forma e contido e, por outro –como unidade sucesivamente reproducible– impreso, escaneado e volto a imprimir, exemplifica o delirio ambivalente do «facer», xerando unha tensión suficiente entre a imaxe lexible e a masa homoxénea de relacións rítmicas imprevistas e reiteradas.

Sara Piñeiro Fernández  (Pontevedra, 1996)

Cursa na actualidade o mestrado de pintura da Universidade do País Vasco, onde reside nestes momentos. Graduada en belas artes pola Universidade de Vigo (2019) e mestrado en dirección de arte en publicidade pola mesma universidade (2020). En 2019 recibe a bolsa de colaboración no Departamento de Pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra para colaborar co grupo de investigación dx5 [digital & graphic art research] e en 2021 a residencia de creación do Curso de pintores pensionados del Palacio de Quintanar y la Real Academia de Historia y Arte de San Quirce, en Segovia.

Exposicións e premios

2021
Seleccionada no XLIV Concurso Nacional de Pintura Casimiro Sainz.
Exposición do Curso de pintores pensionados de Segovia, Alhondiga de Segovia.
Un imaginario colectivo, Palacio de Horcasitas, Balmaseda Orain. Arte/Hasta Ahora, Sala Araba, Vitoria-Gasteiz.
Rojo, ZAWP, Bilbao.
Scalextric Sí, F**k This Studio, Vigo.
2020
Seleccionada en Novos Valores 2020, Museo de Pontevedra.
IX Premio de Pintura CreArte, Santiago de Compostela.
Terceiro premio no Certame Xuventude Crea.
2019
Finalista no Certame Xuventude Crea.
Do final e do comezo. Pazo da Cultura, Pontevedra.
2018
Finalista no Certame Xuventude Crea.
Cuerpo, múltiples visiones, Museo Manuel Torres, Marín.
VII Premio de Pintura CreArte, Santiago de Compostela.
2017
Premio Nacional de Cómic Ciudad de Dos Hermanas.
Terceiro premio no Certame Xuventude Crea.