VERÓNICA VICENTE

Tomiño, Pontevedra, 1988

Do proxecto: En verso libre

2021
Fotografía dixital
30 x 45 cm c/u

Fotografía dixital sobre papel Hanhenmühle Photo Rag Ultra Somoth pertencentes ao proxecto: En verso libre.

En verso libre nace desde o pulso da vida para afondar na natureza identitaria, nas capas que oculta o verdadeiro eu, as páxinas, as follas onde están escritas os trazos máis persoais. A relación que mantemos coa natureza preséntasenos de forma indisociable, é imposible entendernos sen ela, o corpo e a mente necesita da súa existencia. Proba diso, por exemplo, é cando sentimos a necesidade de pensar(nos), de volver á orixe, de buscar respostas ou de por distancia coa rutina; cando precisamos <<respirar>> recorremos constantemente á soidade na inmensidade da paisaxe ao ver o mar ou ao adentrarnos no bosque profundo. A esencia do salvaxe tórnase indispensable.

Como unha sorte de analoxía coa árbore e en forma de libro aberto, En verso libre móstranos unha linguaxe propia, un código, unha identidade única e irrepetible comparable só cun mesmo e presente en cada unha das súas páxinas.

Verónica Vicente (Tomiño, Pontevedra, 1988)

É graduada en Belas Artes pola UVIGO, con mestrado en fotografía conceptual e artística da escola EFTI de Madrid e outro en arte, museoloxía e crítica contemporáneas da USC.

O seu traballo explora temas relacionados coa identidade na sociedade contemporánea, cuestións existenciais ou as fronteiras do corpo. Entre os recoñecementos máis importantes destaca o Premio de Fotografía Joven da Fundación Enaire (2019), o segundo premio na 9ª edición do Premio Auditorio de Galicia (2016), a bolsa Novos Valores da Deputación de Pontevedra (2011) ou a participación en residencias como ás REGA da Cidade da Cultura (2021) ou a Formate do Ministerio de Cultura para residir no Colexio de España en París, Francia, (2011).

Expuxo de forma individual na Fundación Rac (2020), en Espacio Alexandra dentro do pro- grama OFF de PhotoEspaña 2011, ou na galería La Gran (2017). De forma colectiva participou en numerosas exhibicións entre as que destacan as realizadas no Real Jardín Botánico, no Círculo de Belas Artes e en Tabacalera de Madrid, no Centre d’Art la Panera en Lleida, no Centro Torrente Ballester de Ferrol ou na casa das Artes de Vigo.

A súa obra forma parte de diferentes coleccións como a da Fundación Rac, a da Fundación Enaire, a do Centre d’Art La Panera, a do Museo Nacional de Escultura, en España, a da Fundaçao Bienal de Arte de Cerveira, en Portugal, ou a da COCEF en Francia.