SUSO BASTERRECHEA

MEMBRO DO XURADO

Moitas cousas aconteceron desde a última edición destes premios, no ano 2019. Aspectos transcendentes que, ademais de significaren unha inmensa traxedia humana e sanitaria, transformaron, seguramente para sempre, aspectos íntimos da nosa forma de estar no mundo e a sociedade en todos os seus aspectos e vertentes. A pandemia que arrasou as nosas vidas significou un punto de inflexión e unha crise que fixo tremer principios básicos que dabamos por supostos. O sector cultural, sempre fráxil, e que ademais aínda soporta as consecuencias dunha crise económica previa, loita por manter unha estrutura mínima.

É posible que as artes plásticas, quizais o máis precario dos seus sectores, se mova con maior normalidade ou costume entre estreitezas e falta de oportunidades. A limitación de apoios das administracións públicas e un sector privado cambiante e nunca consolidado debuxan un panorama certamente difícil e esixen aos creadores unha actitude case heroica. Pero a arte é unha necesidade, non entende de conxunturas e simplemente busca espazos onde desenvolverse e lugares para atoparse co seu público.

Por todo isto, a celebración desta duodécima edición do Premio Auditorio de Galicia é motivo, máis que nunca, dunha enorme alegría e agradecemento. Primeiro polo que ten de esforzo por retornar a unha certa normalidade e segundo porque reforza o compromiso, sempre meritorio, por apoiar as artes plásticas e os seus novos valores. Os que temos unha certa idade e coñecemos estas convocatorias como artistas e agora temos a honra de participar como xurado temos un termo estreitamente vinculado a este evento, respecto. O agarimo e reflexión co que se estudan as distintas propostas e o mimo co que se procede á súa materialización ou montaxe, non sempre fácil pero imprescindible para que as pezas poidan desenvolverse en plenitude, sitúan o Premio Auditorio de Galicia seguramente como o preferido para o conxunto de artistas que traballan no noso país.

A creación plástica é un camiño vital. A investigación, a procura de novas formas ou materiais, o desenvolvemento de conceptos diferentes acompaña os seus protagonistas de maneira permanente durante toda a súa carreira. Dito isto, a convocatoria establece os 40 anos como límite temporal para poder participar, unha boa idade onde xa se alcanzou madurez creativa e un oportuno momento para establecer unha foto fixa de cales son as preocupacións e os logros das e dos nosos creadores. É por iso normal o excelente nivel que o xurado acaba de atopar entre as obras presentadas e as dificultades para realizar unha selección máis ou menos coherente entre elas. Felicitar por tanto de antemán a todos e a todas as participantes.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, en exposicións colectivas é moi difícil establecer unha xerarquía entre os distintos materiais e técnicas empregadas. Pintura, debuxo, fotografía, escultura, videoarte, cerámica, téxtil, instalación ou arte plenamente conceptual conviven con absoluta normalidade e debúxannos unha estimulante paisaxe de cales son as formas de achegarse desde a plástica ao pensamento contemporáneo. No mundo globalizado que nos toca vivir atopamos eses estímulos en xeografías moi afastadas. É normal, dalgunha maneira son as preocupacións e loitas que acompañan o ser humano desde sempre, pero é importante resaltar o esforzo que mostran moitos traballos por contextualizarse na nosa contorna máis próxima. Podemos recoñecer espazos, labores, artesanías, materiais, que entroncan coas nosas tradicións e que achegan á exposición unha singularidade sempre desexable e un valor engadido de personalidade propia.
Falabamos ao principio dunha realidade excepcional e tanxible que nos toca vivir pero o certo é que nos enfrontamos tamén a ameazas, cada vez menos sutís, que rodean a nosa sociedade. Aqueles logros de liberdades individuais e colectivas que dabamos por conquistadas, para os que a cultura sempre se mostrou como vangarda da consecución, vense agora sorprendentemente ameazadas. Non é o lugar para estenderse neste aspecto político-social pero non cabe outra cousa que agradecer o compromiso da creación plástica na súa defensa. Esta mostra é bo exemplo diso.
Poesía, beleza, sensibilidade, intelixencia, ironía etc., todo iso podemos atopalo aquí, por isto non quero terminar este comentario sen animar o público a achegarse in situ a contemplar as pezas. A súa observación directa é insubstituíble. O consumo cultural desde as redes, multiplicado polo confinamento, é interesante e necesario pero as exposicións cheiran ben e o ciberespazo non ten olfacto.