XOSÉ A. SÁNCHEZ BUGALLO

ALCALDE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
PRESIDENTE DO CONSELLO REITOR DO AUDITORIO DE GALICIA

Pasaron dous anos desde a última vez que nos atopamos na sala de exposicións do Auditorio de Galicia coa creación máis nova deste país. Dous anos nos que tivemos que aprender a mirar o mundo doutra maneira, nos que a realidade parecía ficción, nos que os límites cambiaron, nos que as pantallas se converteron non só na maneira obrigada de comunicarnos, senón tamén na forma de achegarnos aos museos, ás galerías, aos centros de arte, aos creadores, aos seus traballos e tamén ás súas preocupacións.

A cultura foi máis que nunca instrumento para alimentar o espírito. Pero nada pode compararse con entrar nunha sala de exposicións, con ver texturas, pinceladas, dimensións, con dar dous pasos adiante e un atrás arredor de cada obra. Nada é o mesmo que regresar a ese pracer de buscar nas axendas culturais das cidades a oferta expositiva, atopar en CompostelaCultura ‘Duodécimo premio Auditorio de Galicia para novas e novos artistas’ e achegarse vela.

Son xa doce edicións que seguen a atender e a dar visibilidade á creación emerxente deste país. Cada artista que se presenta –seleccionado ou non– é imprescindible para a continuidade deste premio. Para cada un deles, o noso recoñecemento. Recoñecemento que facemos extensible ao xurado polo sempre difícil labor de selección.

Trinta artistas que abren camiños, que exploran, que non fican quietos, que arriscan e que, en definitiva, nos achegan á fisionomía do que está acontecer en Galicia neste mesmo momento:

Pablo Aguilar e Raquel Álvarez, Eva Antelo, Thomas Apostolou, Miguel Auria, Pablo Barreiro, Teresa Búa, Cabanes Fontao, Olalla Castro, David Catá, Julio Catalán Rubinos, Le Charli, Christianconch, Raquel Durán & Rut Briones, María Gar, Christian García Bello, Macarena Montesinos Fandiño , Joan Morera Arbones, Alejandra Pardo, Pía Piadosa, Lara Pintos, Sara Piñeiro, Mar Ramón Soriano, Alejandro Rego Díaz, Carlota Salgado Leal, Borja Santomé, Neves Seara, Andrea Torres, Verónica Vicente, Antía Vieiro Fernández e Diego Vites.

Artistas inquedos que viaxan na procura de experiencias e formación para acadar unha traxectoria sólida e cimentada que os leve a formar parte de coleccións e proxectos, onde o premio do Auditorio é un chanzo máis. Unha formación que para moitos e moitas se xestou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que acaba de celebrar o seu trinta aniversario neste ano 2021 e á que lle damos os nosos parabéns por esta celebración.

A nós, ao público, correspóndenos percorrer a sala con mirada apreciativa e crítica e gozar da mostra.

Non me queda máis que felicitar a todas as persoas seleccionadas e nomeadamente ás premiadas. Elas converten o Auditorio de Galicia, cada dous anos, no lugar onde vir mergullarse na arte contemporánea galega.